PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE
GONDOMAR.
A CORPORACIÓN
MUNICIPAL REXEITA POR UNANIMIDADE O CANON DE SOGAMA, E RECLAMA POR UNANIMIDADE A IMPLANTACIÓN DO SERVIZO HADO
(HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO) NA ÁREA SANITARIA POVISA E REXEITA TAMÉN POR
UNANIMIDADE O COPAGO SANITARIO DOS MEDICAMENTOS DAS FARMACIAS HOSPITALARIAS.
Onte xoves tivo lugar o pleno ordinario da Corporación
Municipal de Gondomar correspondente ao mes de decembro.
Tamén coma sempre,
o goberno municipal fixo gala da súa “brillante xestión” traendo a pleno a
aprobación definitiva da ordenanza que regula as actividades dos furanchos
(aprobada só cos votos do goberno e a abstención da oposición); a modificación
das tarifas do servizo da auga da traída municipal para o ano 2014 (aprobación
inicial) e que unha vez máis suben “obedecendo” o que di a concesionaria; e
como exemplo de eficacia trouxeron tamén POR URXENCIA a aprobación das axudas
aos clubes de fútbol e á Agrupación Musical de Vincios, unha xestión que tiña
que estar feita hai meses.
Na parte que nos
corresponde á oposición, tamén coma sempre, fomos @s concelleir@s de ANOVA os
levamos a iniciativa con asuntos de interese e de calado que lle afectan a toda
a veciñanza.
E así, foron aprobadas por unanimidade as mocións relativas
a solicitar do SERGAS e de POVISA que se implante sen demora o servizo de
Hospitalización Domiciliaria na área sanitaria que xestiona POVISA e que neste
momento atende a máis de 100.000 persoas (incluído todo o Val Miñor) que
carecemos do mesmo, en clara discriminación coa área CHUVI. Un servizo básico
de atención aos doentes terminais ou con patoloxías crónicas dexenerativas, así como aos proprios
familiares dos mesmos.
A segunda moción aprobada, tamén por unanimidade, ten que
ver co rexeitamento do Canón que SOGAMA pretende impoñer de maneira unilateral
aos concellos de Galiza polo tratamento dos RSU na súa planta de Cerceda. No
caso de Gondomar este incremento andaría ao redor dos 70.000€ ao ano, que
sumado ao elevado custe que xa pagamos por este servizo, sería altamente
prexudicial para as arcas municipais e, obviamente para as economías domésticas nas que sería repercutido nos
tempos que corren.
A terceira moción aprobada por unanimidade ten que ver co
copago sanitario dos fármacos nas farmacias hospitalarias que precisan aquelas
persoas non hospitalizadas, e que ten que ver con enfermidades graves e
crónicas: cancros, artrite, hepatite, esclerose múltiple, etc, no senso de
solicitar a súa retirada e senón que se faga cargo do gasto o Concello a conta da
partida de emerxencia social, por ser a maioría das persoas afectadas,
pensionistas, parad@s de longa duración, etc.
Foi aprobada por unanimidade a moción de apoio e
solidariedade ás mulleres en folga de fame da asociación Ve-la Luz da Coruña, e
contra a violencia machista e por unha protección real para as mulleres vítimas
desta lacra social.
En Gondomar, a 6 de
decembro de 2014.
Sem comentários:
Enviar um comentário