quarta-feira, 27 de fevereiro de 2013

O PP queda "atrapado" en Gondomar polas Preferentes



Venres 22 de febreiro de 2013. O día en que Louzán, Chema Figueroa e os Alcaldes do Val Miñor quedaron "atrapados" en Gondomar polas preferentes.



Non tiveron máis remedio que dar a cara. Xa non enganan a ninguén e as promesas electorais agora volvenselle en contra. Xa non vale dicir que o PP está coas persoas afectadas e despois votar en contra no Parlamento Galego de axilizar e aumentar as arbitraxes. Por se tiñan dúbidas o venres pasado quedoulles claro que a solución é política e depende do goberno do PP.

 Os concelleiros de ANOVA apoian en todo momento aos veciños e veciñas afectados nas súas reivindicacións.

 

terça-feira, 5 de fevereiro de 2013

Proxecto de Construcción de Muro de Contención no Parque das Cercas

(Antigo colexio público Enrique Rodríguez Márquez)

No BOP do 18/12/2012 saía un anuncio do Concello de Gondomar, Exp. DH.W36.40633, referido á solicitude de autorización a Augas de Galicia para construir un muro de contención no Campo das Cercas. O devandito muro tería unhas características de 135 metros de longo e 1,83 m. de alto e sería de formigón armado. Asemade estaría a unha distancia do Río Miñor de 26 metros e o obxecto de mesmo sería facer de barreira contra as enchentes para evitar o asolagamento dos edificos do antigo colexio público “Enrique Rodríguez Márquez”. 

Cómpre indicar que a devandita obra sería construida con cargo a fondos da Deputación Provincial de Pontevedra correspondentes ao Plan de Investimentos do ano 2012, cun importe total de 119.375,71 €.
Pois ben, como queira que a solución proposta non é tal, pois no mellor dos casos libraríanse da auga os edificios do colexio vello a conta de asolagar o Parque da Coelleira, as propiedades da outra beira do río e con toda seguridade a zona do matadoiro e da Praza de Abastos, o Centro Neural e o Campo de Fútbol. Por non falar da “piscina natural” que se formaría no espazo pechado polo muro de contención, tal como se forma na actualidade, só coa chuvia, sen muro de contención e sen sair o río. A maiores do impacto visual negativo nunha zona aberta e de lecer que está á vista de todo mundo. Nos últimos anos o parque das Cercas converteuse nunha sorte de lugar de experimentación, onde os diferentes gobernos municipais foron deixando a súa pegada, uns máis cá outros, e algúns de maneira irreversible. E por iso que dende o grupo nacionalista municipal, e para evitar danos maiores e que se actua na devandita zona con coherenca de agora en diante, imos proponer no vindeiro pleno ordinario da Corporación Municipal do 7 de febreiro o seguinte: 

1ª.- A Corporación Municipal de Gondomar insta ao Goberno Municipal a retirar o devandito proxecto para a construcción dun muro de contención no Parque das Cercas. 

2ª.- Propoñer un concurso público de ideas co obxecto de tratar de maneira conxunta todo o espazo público existente na zona das Cercas, incluso contemplando a posibilidade da desaparición do colexio vello e que as actuacións a realizar se poidan facer por fases e sempre gardando a idea de conxunto. 


sábado, 2 de fevereiro de 2013

Urbanismo e Sustentabilidade


A Construcción do Novo Centro de Saúde de Gondomar

O anteproxecto redactado e aprobado polo SERGAS no ano 2009-2010, durante a Alcaldía de Antonio Araúxo, tiña un orzamento de execución material de 2.155.200 € e de licitación de 3.128.057,28 €
No pasado pleno de xaneiro, dende o grupo nacionalista, fixémoslle un rogo ao alcalde para que solicitara da Xunta e do SERGAS que non levase a cabo os recortes previstos no novo centro de sáude que pretenden construir en Gondomar, e que se mantivese o proxectado, deseñado e acordado cando a Alcadía de Antonio Araúxo no ano 2009. Pola importancia do asunto e para que toda a Corporación Municipal de Gondomar se posicione ao respecto, presentaremos unha moción no pleno do vindeiro 7 de febreiro neste sentido, pois entendemos que unha cuestión tan importante non pode ser allea aos representantes públicos dos cidadáns. A veciñanza de Gondomar ten dereito a contar cunha atención médica primaria de calidade, e isto comeza por ter un espazo axeitado onde @s profesionais da sanidade pública poidan exercer o seu traballo con comodidade e cos medios necesarios en espazos suficientes. Onde as persoas usuarias dispoñan de espazos dignos para seren tratadas, atendidas ou, para estar cómodas mentres agardan polas consultas. Para que se cumpran estas condicións, dádo o medre demográfico do noso municipio nos últimos anos que deixou pequeo o actual centro de saúde, é necesario que o deseño do novo centro non hipoteque a implantación no mesmo de novas consultas, novos servizos médicos e de enfermería, etc.

Pois ben, dádo que Xunta de Galicia recolle nos seus orzamentos para o ano 2013 só 1.138.305 € para a construcción do novo centro de saúde de Gondomar, e tendo en conta que o anteproxecto redactado e aprobado polo SERGAS no ano 2009-2010 tiña un orzamento de execución material de 2.155.200 € e de licitación de 3.128.057,28 €, correspondentes a unha superficie construida de 2.128,15 m2 e a unha superficie útil de 1.831,95 m2, resulta evidente que o novo proxecto será reducido en superfies e prestacións de maneira proporcional ao recorte económico producido.

Polo tanto, non tería sentido nin se entendería pola cidadanía, a construcción dun novo centro de saúde máis pequeno ou igual co actual, con todo o que iso conleva de renunciar a novas consultas médicas, de enfermería, de pediatría, dun espazo axeitado para as extraccións de sangue, para almacéns, etc. Por iso ímoslle proponer ao Pleno o seguinte ACORDO:

A Corporación Municipal de Gondomar acorda instar ao Goberno Municipal para que se dirixa á Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia e ao SERGAS, co obxecto de solicitarlle que o proxecto e a construcción do novo centro de saúde de Gondomar, non sufra recorte ningúnn, e como mínimo manteña as superficies e os servizos recollidos no ateproxecto do ano 2009-2010.