quinta-feira, 12 de dezembro de 2013

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), a iniciativa da súa deputada Consuelo Martínez García e a través do seu portavoz Xosé Manuel Beiras Torrado, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

O Plan Galego de Coidados Paliativos aprobado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia en 2006, no seu prólogo di:
“O sistema sanitario ten entre as súas funcións fundamentais non só curar, senón coidar e aliviar o sufrimento dos pacientes e a carga dos seus familiares.
Os coidados na fase terminal da vida, en concreto os coidados paliativos, supoñen un dereito para os cidadáns e un reto para o sistema sanitario.
Para englobar os obxectivos que nos marcamos partimos da mellor definición que os pode reflectir, a que ofrece a Organización Mundial da Saúde: “Os coidados paliativos afirman a vida e recoñecen a morte como un proceso natural, nin a aceleran, nin a pospoñen, proporcionando alivio para a dor e outros síntomas angustiosos, integran os aspectos psicolóxicos e espirituais do cidadán, ofrecen un sistema de soporte para axudar os pacientes a vivir tan dignamente como sexa posible ata que morran. Ofrecen un sistema de soporte á familia para facer fronte á enfermidade e á súa propia dor.

En Galicia cada día son máis as persoas que sofren patoloxías neoplásicas, crónicas e dexenerativas, sen posibilidade de resposta ao tratamento e cun prognóstico de vida curto. Debido a isto, o noso sistema sanitario debe ter como obxectivo aumentar a calidade de vida, sen alongar de forma artificial a supervivencia máis alá do cientificamente razoable, dando apoio emocional a familiares e amigos próximos e coidando e aliviando a dor das persoas enfermas. Por iso foi necesario elaborar este plan que tes nas túas mans, que debe servir de referente para todos os profesionais, organizacións e institucións implicadas no sector. Este marco de desenvolvemento plasmouse neste Plan Galego de Coidados Paliativos, que nace con vocación de universalidade, de equidade, de atención integrada e multidisciplinar e tendo como premisa o respecto á autonomía do paciente e á súa dignidade como ser humano”.
Pois ben, a día de hoxe o conxunto de cidadás e cidadáns adscritos ao hospital POVISA, entre outras comarcas a do Val Miñor e, polo tanto Gondomar, carecen do servizo HADO (hospitalización a domicilio) nunha clara discriminación con respecto ao ámbito CHUVI.

Como queira que neste momento a Xunta de Galicia está negociando co devandito hospital privado un novo concerto para a xestión da área sanitaria que ven atendendo dende hai anos, o Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda presenta a seguinte Proposición non de lei:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1ª.- Garantir a toda a poboación adscrita a área POVISA (máis de 140.000 persoas), o servizo de HADO nas mesmas condicións que as persoas adscritas ao CHUVI.
2ª.- Obrigar de xeito inmediato a POVISA, a poñer en funcionamento o servizo de HADO en toda a área sanitaria que ten adxudicada por Concerto, eliminando a discriminación de acceso aos servizos médico-sanitarios que sofren milleiros de cidadáns e cidadás adscritos obrigatoriamente a este hospital privado por mor dun criterio territorial.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2013.

Asdo.: Maria Consuelo Martínez García
Deputada do G.P. da AGE.
Xosé M. Beiras Torrado
Portavoz do G.P. da AGE.

Sem comentários:

Enviar um comentário