segunda-feira, 17 de fevereiro de 2014

   O PP de Gondomar volve ás andadas, levan a corrupción no ADN



RECUPERACIÓN DOS PLANOS EXTRAVIADOS DO ANTIGO CATASTRO.
O cambiante mundo urbanístico de Gondomar, ou mellor dito, a ausencia prolongada de ferramentas válidas e xuridicamente seguras no que atinxe á ordenación territorial do noso Concello (PXOM), e sumando a esta circunstancia unha deficiente realización dos últimos traballos catastrais no noso municipio, e dado á necesidade que moit@s veci@s teñen de contar con planos catastrais fiables que lle sirvan tanto para localizar correctamente as súas propiedades coas características mínimas de superficies e morfoloxía das mesmas, como para saber da súa correcta clasificación, resulta que a día de hoxe o documento máis fiable e que máis se achega á realidade do parcelario de Gondomar, son os planos elaborados pola Dirección General del Instituto Geográfico y Catastral, o MAPA NACIONAL TOPOGRÁFICO PARCELARIO, realizado entre os anos corenta e principios dos sesenta.
Pois ben, este importante documento de innegable valor histórico, elevado á categoría de ferramenta imprescindible en Gondomar pola súa utilidade actual, e unha de cuxas copias orixinais está nos arquivos do Concello de Gondomar, supoñemos que por extravío fáltanlle varias follas que ata onde puidemos averiguar corresponden aos polígonos número: 6,7,8,9,10,11,34,35,46 e 47, co conseguinte prexuízo para aquelas persoas que precisan consultar este documento e para a propia Administración Local. Mesmo que aínda só fose polo valor histórico do mesmo, entendemos que debe procurarse completar a devandita documentación. Por todo isto propón ao Pleno a aprobación do seguinte:
A Corporación Municipal de Gondomar insta ao Sr. Alcalde, ao Concelleiro de Urbanismo e ao proprio Goberno Municipal, a solicitar de quen proceda: Xerencia Territorial do Catastro, antiga Xefatura Provincial de Catastro Topográfico Parcelario, Dirección General del Instituo Geográfico y Catastral, etc, copia dos planos antes mencionados que faltan do Arquivo Municipal.


APLICACIÓN DE DIRECTIVA EUROPEA SOBRE HIPOTECAS E DACIÓN EN PAGO.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

1.- O Parlamento Europeo e a Comisión Europea veñen de dar recentemente a súa aprobación final á Directiva da Unión Europea sobre contratos de crédito para bens inmobles de uso residencial.


A devandita directiva aplicaráse aos contratos de crédito garantidos por unha hipoteca ou por outra garantía comparable utilizada nun Estado membro, así como aos contratos cuxa finalidade sexa adquirir ou conservar dereitos de propiedade sobre terreos ou edificios. As novas regras adaptaránse aos distintos mercados hipotecarios dos Estados membros, aínda que a información ao consumidor terá que presentarse nun formato homoxéneo en toda a UE.

Entre as medidas que se acordaron están as relativas a :
  • un período obrigatorio de reflexión de sete días antes de asinar un contrato hipotecario, ou ben do mesmo período de sete días para retractarse trala sinatura, segundo o decida cada país.
  • demoras en relación cos desafiuzamentos coa esixencia de facilitar a dación en pago e evitando o sobre-endebedamento a longo prazo.
  • flexibilidade na amortización da débeda
  • medidas relativas aos préstamos irresponsables, de prohibición de condicionamentos dos préstamos e de garantías na taxación dos inmobles.

A UE da un prazo de dous anos para que os estados membros traspoñan a directiva á súa lexislación.

2.- A Directiva non supón, nin moito menos, unha solución definitiva á problemática existente dos desfiuzamentos nin ás desiguais condicións dun mercado hipotecario favorecedor das entidades financieiras e en manifesto prexuizo da cidadanía.
En calquera caso, sí supón un avance potencialmente significativo respecto da normativa vixente española, en especial respecto da dación en pago, dos procesos de desfiuzamento e das condicións e garantías dos préstamos hipotecarios. Avance que debe consolidarse e materializarse con ocasión da transposición efectiva da Directiva, modificando e, no seu caso, derrogando a normativa actualmente vixente na materia. É por todo isto que propoñemos para a súa aprobación o SEGUINTE:





O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar insta ao Goberno da Xunta de Galicia e ao proprio Goberno do Estado a:
1.- Á inmediata transposición da Directiva europea sobre contratos de crédito para bens inmobles de uso residencial.
2.- En aplicación e desenvolvemento da mencionada Directiva, á modificación da lexislación hipotecaria e de regulación do mercado hipotecario, de enxuizamento civil, de subrogación e modificación de préstamos hipotecarios, coa finalidade de ampliar os supostos de dación en pago e de maiores garantías e defensa nos procesos de desafiuzamento, de limitación aos custos hipotecarios e, en xeral, de implantación de medidas efectivas de protección e defensa da cidadanía consumidora de ditos contrato de crédito.
3.- Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galicia e á Mesa do Parlamento Galego; así como ao Goberno do Estado e a Mesa do Congreso dos Deputados.



MEDIDAS SOBRE INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN DE RECLAMACIÓNS SOBRE O IBI.

O pasado 21 de outubro de 2013, nun pleno extraordinario desta corporación municipal e por unanimidade, aprobábase o seguinte.
1º.- O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar acorda solicitar da Dirección Xeral do Catastro a revisión catastral do Concello de Gondomar co obxecto de adaptalo á realidade urbanística actual derivada da anulación do PXOM no ano 2005 por sentenza firme do T.S..
2º.- Facultar ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Gondomar para realizar as xestións oportunas a respeito do punto anterior.
3º.- Comunica o presente acordo á Sub-Xerencia Territorial do Catastro en Vigo e ao ORAL, organismo autónomo dependente da Deputación Provincial encargado do cobro do IBI.
Sabemos que as devanditas xestións encomendadas ao Sr. Alcalde non foron realizadas precisamente con dilixencia, e se a maiores como tamén resulta evidente a tramitación do novo PXOM vai para largo, hai fundadas sospeitas de que a veciñanza siga tendo que pagar a contribución inxustamente durante moitos anos.
Pois ben, con semellantes antecedentes e para ser coherentes co aprobado por esta Corporación Municipal o pasado 21 de outubro, cómpre que por parte do Goberno Municipal se tomen medidas ao respecto para corrixir esta situación, polo que propoñemos ao Pleno a aprobación do seguinte:
O Goberno Municipal porá á disposición da veciñanza que así o solicite, e no departamento municipal que considere máis axeitado, toda a información necesaria para que cada veciñ@ poida facer as xestións oportunas a respecto das súas propiedades e da clasificación urbanística das mesmas: certificacións, planos de situación, etc, que precisen co obxecto de reclamar perante a Xerencia do Catastro para que proceda a modificar a situación catastral das mesmas adaptada á actual realidade urbanística de Gondomar. Todo isto na maior brevidade posible de tempo a un custe mínimo por tratarse dunha reclamación xusta así recoñecida por Corporacion Municipal.



EN DEFENSA DOS TRABALLADORES AUTÓNOMOS

Nun país coma o noso onde a súa espiña dorsal económica está formada por pequenas e medianas empresas, a maioría delas constituídas por traballadores autónomos, que ven como na actual situación de crise en lugar de facilidades ou axudas para que as súas empresas poidan evolucionar e adaptarse ás dificultades que día a día atopan nun entorno administrativo, lexislativo, económico, etc, tan cambiante, ven como os gobernos central e autonómico só lle ofrecen promesas que de pouco lles serven.

Neste momento, os gobernos teñen que axudar aos emprendedores. Non os imos deixar sós porque son o motor que conduce de novo o país á prosperidade". Así fala o Presidente da Xunta, o Sr. Núñez Feijóo, mais os feitos desacreditan unha vez aos gobernantes do PP. O goberno do Sr. Rajoy vén de subir ás agachadas no pasado Nadal, a emprendedores e autónomos, os impostos e as cotizacións destes traballadores. Subas, que para o caso dos autónomos societarios ou administradores que tiveran contratados dez ou mais traballadores por conta allea en 2013 será do 22%, unha medida que vai influír negativamente na contratación e mesmo vai provocar, nalgúns casos, despedimentos, pois resulta complicado de máis manter o nivel de emprego cando xa se está vivindo ao límite

Pero as subas tamén se produciron na base mínima de cotización dos autónomos, que é a que pagan o 90% dos 215.000 profesionais deste tipo que hai en Galicia, nun incremento dun 2%. Pasaron de 858,60€ a 875,70 € en 2014. Máis de cinco euros por mes, uns 62€ máis ao ano. Pero por se isto non fose pouco, o Decreto Lei inclúe tamén como elementos cotizables algúns que non estaban na base de cotización, como os seguros médicos, plans de pensións, complementos de transporte ou axudas de comida, etc. volvendo a incrementar os custos para o colectivo dos autónomos. Prometeran dende o goberno a baixada das retencións no IRPF ao19% pero, a día de hoxe as retencións seguen no 21%.
 
Os módulos non varían respecto ao 2013, así como a redución do 5% sobre o rendemento neto de módulos acordada o ano pasado. Máis promesas, máis incumprimentos. A maiores tamén supón a fin dos aprazamentos de pago xa que Facenda non seguirá permitindo o aprazamento nos pagos do modelo 111 de retencións de traballadores e profesionais.

Aínda que o principal problema deste colectivo pasa pola falta de liquidez. As medidas adoptadas ao longo do 2013 como a redefinición das Pemes por parte do Banco de España, as apostas do BEI e do ICO, a nova Lei de Emprendedores, ou novo Criterio de Caixa, non conseguiron reverter a situación, sendo unha realidade a día de hoxe, que as Pemes do Estado Español seguen soportando o crédito máis caro de toda Europa.


Todo isto acontece cando a actividade está en marcha pero, cando por desgraza se ten que botar o peche os problemas non rematan para os traballadores autónomos. Os datos din que sete de cada dez autónomos que solicitan a prestación por desemprego debido a seu cese de actividade teñen dificultades para conseguilo. Segundo un informe presentado por ATA( asociación de traballadores autónomos), o 74,7% dos casos nos que se denegaron as prestacións, foi por non estaren ao corrente das cotas á Seguridade Social, outro 13% por non ter cuberto o período mínimo de cotización e o 2,3% por non acreditar correctamente o cese de actividade, causas que en moitos casos poderían ser resoltas se contaran con coñecementos para facer fronte a dura burocracia que os rodea, e que na práctica os condena a ser traballadores de segunda división.

Outra fronte aberta é a morosidade das administracións públicas e os prazos de pago aos autónomos que volveron a aumentar nos últimos meses. As administracións públicas deben aos autónomos 4.839 millóns de euros, e o prazo medio de pago sitúase en 151 días, segundo o Informe da Federación de Autónomos ATA. Prazos que demostran que desde as administracións públicas estase a incumprir sistematicamente a lei de morosidade que establece un período de 30 días para o pago de facturas aos provedores. No caso de Galiza, o período de atraso é inferior a cen días, concretamente 51, pero cómpre facer fincapé en que no noso País a demora débese principalmente ás deputacións e aos concellos, o que implica que os prexudicados son os veciños que teñen máis preto.

Outro dos proxectos estrela do Goberno Central foi a Lei de Emprendedores, e nela inclúese a creación da figura do autónomo de responsabilidade limitada. Con esta figura buscábase salvagardar dalgún xeito o patrimonio do autónomo en caso de fracaso empresarial, establecendo na lei que os autónomos non responderían das débedas derivadas da súa actividade empresarial coa súa vivenda habitual ata un límite de 300.000 euros pero, non contaron que a diferenza do que ocorre cós traballadores por conta allea, no que o salario mínimo é inembargable, no caso dos autónomos non sucede así, pois ademais de non contar con estes límite de inembargabilidade legal, a Administración adoita recorrer ao embargo de créditos e obrigar aos clientes dos autónomos a pagarlle antes a ela que ao propio autónomo, comprometendo os seus ingresos futuros e a viabilidade da empresa.

E por se isto non fose suficiente, o Ministerio de Fomento ven de elaborar un proxecto de modificación da actual regulación sobre as autorizacións de transporte de mercadorías, na que fala de axudar ao sector mentres introduce trabas como a que aparece sobre a transmisibilidade das autorizacións de transporte, onde especifica que o que pretenda acceder ao sector adquirindo a autorización de transporte dun transportista que abandone a actividade, deberá posuír polo menos tres vehículos, de tal maneira que se o transportista que lle transmite a súa autorización só tiña un vehículo, o adquirente que pretenda acceder ao sector deberá mercar outros dous vehículos que non superen os cinco meses de antigüidade.

Por todo o exposto solicitamos o apoio aos seguintes acordos:
1º.– Que se cumpran dende as administracións públicas (neste caso o Concello) os prazos de pagamento ás Pemes, concretamente aos autónomos, cumprindo a lei de morosidade.
2º.– Potenciar a formación para os traballadores autónomos dende o Concello co obxecto de posibilitar a súa adaptación ás novas necesidades do mercado e coñecer todas as ferramentas ao seu alcance para desenvolver a súa actividade con axilidade e eficacia, incluso para cando cesen na súa actividade, acceso ás axudas que lles poderían corresponder, etc.
3º.– Instar aos gobernos central e autonómico para que leven a cabo a rebaixa fiscal prometida que precisa este colectivo para que poida enfrontarse ás dificultades que lles impón a crise e as desvantaxes patentes que sofren fronte ás grandes empresas e multinacionais.
4º– Instar ás administracións do Estado e da Xunta para dispoñan as medidas lexislativas, económicas e de información oportunas, que faciliten o finanzamento a través de todos as canles das que dispoñen, incluído acceso á fondos europeos, para que os emprendedores poidan acceder ao mesmo.
5º.– Crear as condicións necesarias, conxuntamente con outras administracións locais ou supramunicipais, para a creación de viveiros de empresas, etc, que lle permitan aos emprendedores aprobeitar ao máximo os recursos dispoñíbeis, minimizando os custes que lles suporía a posta en marcha dos seus proxectos.






INDULTO PARA OS TRABALLADORES CARLOS E SERAFÍN 
 
CONDENADOS A 3 ANOS DE CÁRCERE POR PARTICIPAR NUN PIQUETE NA FOLGA DO TRANSPORTE DE 2008
 
 EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Conforme se agravan as políticas de recortes e agresión contra os dereitos das clases populares, asistimos tamén á reiterada criminalización da resposta social, singularmente da de carácter sindical. É tamén crecente a represión contra quen, no exercicio de dereitos fundamentais, se revolve para esixir pacífica e democraticamente un cambio de rumbo, para demandar a mellora das condicións de vida e de traballo para a maioría social ou para denunciar os abusos e inxustizas que a clase traballadora padecemos, e que a vixente crise está a recrudecer. 
 

No ano 2008, durante a negociación do Convenio Provincial de Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra, os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocaron unha folga para reivindicar a mellora das súas condicións laborais. Durante a mesma algúns compañeiros foron identificados pola policía mentres actuaban como piquetes informativos e posteriormente denunciados. Cómpre lembrar que os piquetes son un instrumento lexítimo, que forma parte da historia do movemento obreiro e que en moitos casos permite liberar, coa forza da unión solidaria das nosa clase, aos traballadores e traballadoras das coaccións e ameazas coas que a patronal pretende impedir que exerzan o seu dereito á folga.

Froito desa denuncia realizáronse varios xuízos cuxo resultado foi absolvelos de calquera dano a todos os efectos (ademais ningún traballador nin empresa presentou cargos nin culpou a estes compañeiros). Porén, un xulgado de Vigo considerou que Serafín Rodríguez Martínez (CIG) e Carlos Rivas Martínez (UGT) eran culpables dun delito contra os dereitos dos traballadores (art. 315.3 do Código Penal) e condenounos á pena máxima posible por ese delito: 3 anos de prisión. 
 

Unha sentenza que parece desproporcionada e abusiva e que só pretende escarmentar, un aviso a navegantes, para debilitar a capacidade de resposta dos traballadores na súa loita pola mellora das condicións laborais. Mentres os verdadeiros delincuentes gozan da maior das impunidades e de todas as medidas de graza das altas esferas do poder, dous sindicalistas poden acabar en prisión. 
 

Esta sentenza foi recorrida e ratificada na Audiencia Provincial no 2011 e, finalmente, solicitouse o indulto para ambos compañeiros. O Goberno español, en decembro pasado, denegou o indulto; o mesmo goberno que non ten reparos en concederllo a corruptos e banqueiros, o que obriga a estes traballadores e aos sindicatos CIG e UGT a solicitar un recurso de casación e un último intento de concesión dun indulto. Carlos e Serafín poderían recibir en calquera momento a orde de ingreso en prisión. 
 

Por todo o anteriormente exposto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Gondomar a aprobación do seguinte


ACORDO:

A Corporación Municipal de Gondomar solicita do Goberno español que conceda o indulto aos traballadores Carlos Rivas e Serafín Rodriguez.