quinta-feira, 12 de dezembro de 2013

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo Parlamentario da Alternativa Galega de Esquerda (EU-ANOVA), a iniciativa da súa deputada Consuelo Martínez García e a través do seu portavoz Xosé Manuel Beiras Torrado, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

O Plan Galego de Coidados Paliativos aprobado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia en 2006, no seu prólogo di:
“O sistema sanitario ten entre as súas funcións fundamentais non só curar, senón coidar e aliviar o sufrimento dos pacientes e a carga dos seus familiares.
Os coidados na fase terminal da vida, en concreto os coidados paliativos, supoñen un dereito para os cidadáns e un reto para o sistema sanitario.
Para englobar os obxectivos que nos marcamos partimos da mellor definición que os pode reflectir, a que ofrece a Organización Mundial da Saúde: “Os coidados paliativos afirman a vida e recoñecen a morte como un proceso natural, nin a aceleran, nin a pospoñen, proporcionando alivio para a dor e outros síntomas angustiosos, integran os aspectos psicolóxicos e espirituais do cidadán, ofrecen un sistema de soporte para axudar os pacientes a vivir tan dignamente como sexa posible ata que morran. Ofrecen un sistema de soporte á familia para facer fronte á enfermidade e á súa propia dor.

En Galicia cada día son máis as persoas que sofren patoloxías neoplásicas, crónicas e dexenerativas, sen posibilidade de resposta ao tratamento e cun prognóstico de vida curto. Debido a isto, o noso sistema sanitario debe ter como obxectivo aumentar a calidade de vida, sen alongar de forma artificial a supervivencia máis alá do cientificamente razoable, dando apoio emocional a familiares e amigos próximos e coidando e aliviando a dor das persoas enfermas. Por iso foi necesario elaborar este plan que tes nas túas mans, que debe servir de referente para todos os profesionais, organizacións e institucións implicadas no sector. Este marco de desenvolvemento plasmouse neste Plan Galego de Coidados Paliativos, que nace con vocación de universalidade, de equidade, de atención integrada e multidisciplinar e tendo como premisa o respecto á autonomía do paciente e á súa dignidade como ser humano”.
Pois ben, a día de hoxe o conxunto de cidadás e cidadáns adscritos ao hospital POVISA, entre outras comarcas a do Val Miñor e, polo tanto Gondomar, carecen do servizo HADO (hospitalización a domicilio) nunha clara discriminación con respecto ao ámbito CHUVI.

Como queira que neste momento a Xunta de Galicia está negociando co devandito hospital privado un novo concerto para a xestión da área sanitaria que ven atendendo dende hai anos, o Grupo Parlamentar da Alternativa Galega de Esquerda presenta a seguinte Proposición non de lei:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1ª.- Garantir a toda a poboación adscrita a área POVISA (máis de 140.000 persoas), o servizo de HADO nas mesmas condicións que as persoas adscritas ao CHUVI.
2ª.- Obrigar de xeito inmediato a POVISA, a poñer en funcionamento o servizo de HADO en toda a área sanitaria que ten adxudicada por Concerto, eliminando a discriminación de acceso aos servizos médico-sanitarios que sofren milleiros de cidadáns e cidadás adscritos obrigatoriamente a este hospital privado por mor dun criterio territorial.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2013.

Asdo.: Maria Consuelo Martínez García
Deputada do G.P. da AGE.
Xosé M. Beiras Torrado
Portavoz do G.P. da AGE.

sábado, 7 de dezembro de 2013


PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE GONDOMAR.

A CORPORACIÓN MUNICIPAL REXEITA POR UNANIMIDADE O CANON DE SOGAMA, E RECLAMA  POR UNANIMIDADE A IMPLANTACIÓN DO SERVIZO HADO (HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO) NA ÁREA SANITARIA POVISA E REXEITA TAMÉN POR UNANIMIDADE O COPAGO SANITARIO DOS MEDICAMENTOS DAS FARMACIAS HOSPITALARIAS.

Onte xoves  tivo lugar o pleno ordinario da Corporación Municipal de Gondomar correspondente ao mes de decembro. 

Tamén coma sempre, o goberno municipal fixo gala da súa “brillante xestión” traendo a pleno a aprobación definitiva da ordenanza que regula as actividades dos furanchos (aprobada só cos votos do goberno e a abstención da oposición); a modificación das tarifas do servizo da auga da traída municipal para o ano 2014 (aprobación inicial) e que unha vez máis suben “obedecendo” o que di a concesionaria; e como exemplo de eficacia trouxeron tamén POR URXENCIA a aprobación das axudas aos clubes de fútbol e á Agrupación Musical de Vincios, unha xestión que tiña que estar feita hai meses.

Na parte que nos corresponde á oposición, tamén coma sempre, fomos @s concelleir@s de ANOVA os levamos a iniciativa con asuntos de interese e de calado que lle afectan a toda a veciñanza.

E así, foron aprobadas por unanimidade as mocións relativas a solicitar do SERGAS e de POVISA que se implante sen demora o servizo de Hospitalización Domiciliaria na área sanitaria que xestiona POVISA e que neste momento atende a máis de 100.000 persoas (incluído todo o Val Miñor) que carecemos do mesmo, en clara discriminación coa área CHUVI. Un servizo básico de atención aos doentes terminais ou con patoloxías crónicas  dexenerativas, así como aos proprios familiares dos mesmos.

A segunda moción aprobada, tamén por unanimidade, ten que ver co rexeitamento do Canón que SOGAMA pretende impoñer de maneira unilateral aos concellos de Galiza polo tratamento dos RSU na súa planta de Cerceda. No caso de Gondomar este incremento andaría ao redor dos 70.000€ ao ano, que sumado ao elevado custe que xa pagamos por este servizo, sería altamente prexudicial para as arcas municipais e, obviamente para as economías  domésticas nas que sería repercutido nos tempos que corren.

A terceira moción aprobada por unanimidade ten que ver co copago sanitario dos fármacos nas farmacias hospitalarias que precisan aquelas persoas non hospitalizadas, e que ten que ver con enfermidades graves e crónicas: cancros, artrite, hepatite, esclerose múltiple, etc, no senso de solicitar a súa retirada e senón que se faga cargo do gasto o Concello a conta da partida de emerxencia social, por ser a maioría das persoas afectadas, pensionistas, parad@s de longa duración, etc.

Foi aprobada por unanimidade a moción de apoio e solidariedade ás mulleres en folga de fame da asociación Ve-la Luz da Coruña, e contra a violencia machista e por unha protección real para as mulleres vítimas desta lacra social.

En Gondomar, a 6 de decembro de 2014.