quarta-feira, 2 de outubro de 2013

Moción paralización venda de NCG Banco

José María Castellano, Presidente Executivo de NCG BANCO, S.A., vetado en INDITEX por deslealdade co seu antigo xefe Amancio Ortega, non está lexitimado para seguir dirixindo os destinos de NCG BANCO por ser o impulsor dunha folla de ruta encamiñada a poñer a este Banco nas mans dun fondo de investimento americano (Guggenheim Investment, segundo noticias dos xornais) que sabemos ten a  sede oficial na 57 Avenida de Nova Iorke. Tamén sabemos que os investimentos no extranxeiro deste fondo non están garantidos polo Goberno de Estados Unidos e que algúns dos seus executivos proceden da desaparecida Goldman Sachs.
Polo tanto temos dereito a pensar que algún dos condicionantes da posible venda sexa a permanencia do actual equipo de Dirección do Banco.
Bruxelas, no seu  Memorandum de Entendemento (MOU) fixa de prazo ata 2017 para o saneamento de NCG BCO e para a devolución de cerca de 9.000 millóns de euros recibidos para sacar a flote este Banco.
Nestes momentos o Bco de Santander, BBVA e Caixabank están facendo o “paripé” para simular un interese que non teñen na compra deste Banco.  Os tres Bancos están soportando políticas de adelgazamento dos seus balances, seguen despedindo empregados e suprimindo sucursais. Os tres Bancos manteñen a súa política de estrangulamento de particulares, autónomos e pequenas empresas impedindo o seu acceso ao crédito, non hai máis que preguntárllelo ás Asociacións de Comerciantes e da Pequena Empresa se atopan nestes momentos o apoio financeiro que precisan.

Os Sres. Castellano e Feijoo están vendendo a idea de que NCG BANCO está saneado o que pode atraer novos investidores capaces de recomprar ao FROB a súa participación.

O Sr. Feijoo non pode presentarse a unha reelección despois de axudar a deslocalizar a sede social de NCG BANCO e por iso prefire un Fondo de Investimento americano non sometido ás normas do Banco Central Europeo.
Alberto Núñez Feijoo foi quen colocou ao Sr. Castellano na Presidencia de NCG BANCO e agora non pode defraudalo.
O Sr. Castellano presentouse como solución a todos os problemas cargado de promesas de atraer pola súa cara bonita unha chea de millóns en pouco tempo.
Eso sí, faltoulle tempo para enganar, con balances falseados, a 17 empresas de capital galego que hoxe reclaman por vía xudicial o diñeiro investido.
Era o ano 2010 e os “amigos investidores americanos” non aparecían por ningún lado. Por que non aparecían? Porque querían garantías.
E esa foi a tarefa dos Sres. Castellano e Feijoo: mandar á rúa a milleiros de traballador@s, pechar sucursais non rendibles que en moitos casos cumprían un papel fundamental como elementos de fixación dunha poboación dispersa, sobre todo no rural galego.
Puxeron en marcha un proceso de Arbitraxe para a devolución de Preferentes e Subordinadas totalmente opaco que intentaba diminuir o problema social causado pola venda de produtos tóxicos intentando así desmobilizar a 80.000 clientes estafados por toda a xeografía galega que, por certo, tiveron e teñen un comportamento exemplar durante todo este tempo reivindicando os seus dereitos. Este proceso de Arbitraxe debe someterse a unha auditoría con presencia de representantes do Parlamento Galego para que non queden dúbidas sobre a limpeza das decisión tomadas en presencia do Instituto Galego de Consumo.

Os Sres Feijoo e Castellano pensaban que o proceso de “canxe ou quita” ía parar a marea de protestas e equivocáronse.
A mayoría dos xuíices, coñecedores das malas prácticas utilizadas no deseño e venda destes produtos emiten unha e outra vez sentenzas a favor dos clientes. Tanto a CNMV como o Banco de España e o FROB son coñecedores neste momento de que tanto Caixa Galicia como

Caixanova, coa colaboración de IBERCLEAR, sociedade depositaria da Central de Valores Española, non reflectiron, desde o inicio da comercialización dos produtos tóxicos, os seus valores reais de mercado o que supón que moitas Declaracións de Patrimonio e outros Impostos (Sucesións, Donacións, etc) tributaron no seu día en base a cantidades que non reflectían os seus valores reais a finais de cada exercicio fiscal.
Saneado o Banco a conta dos contribuintes existe liquidez para devolver o diñeiro estafado. Pero hai un problema: as condenas en costas supoñen un gasto excesivo.
É no mes de Agosto cando o Sr. Feijoo, o Sr Castellano e o Poder Xudicial pactan unha ampliación da arbitraxe á galega. Inventan un novo sistema no que poidan resolver unhas ducias de casos mediante un proceso de conciliación xudicial que evite o pago das costas dos xuizos. Un novo intento de reducir a presión social sen resolver o problema. Unha solución de “trileros” para non dar o brazo a torcer e escaquear a devolución do 100% do diñeiro expropiado. Diante de Bruxelas non é unha continuación da arbitraxe, é un amaño de mal pagador. Por certo este “bombazo informativo” segue despois dun mes do seu anuncio sen concretarse nun protocolo por escrito que sexa coñecido por todos.
A maquinaria de Marketing está en marcha:
NCG BANCO declara un beneficio de 21,2 millóns de euros no primeiro trimestre.
NCG BANCO obtén  67 millóns de beneficios, antes de impostos, no primeiro semestre.
En Setembro elímínase a “clausula suelo”
Véndese EVO BANCO, unha marca comercial creada só para captar fondos, a un Fondo de Investimento americano: a súa primeira medida é reducir o salario aos seus empregados.

Operación venda:
Quen é o Fondo Guggenheim?
Este fondo agrupa a outros fondos: AC FLOWERS, ANCHORAGE, ELLIOT, WL ROSS, GUGGENHEIM INVESTMENT, etc. E só sabemos que ten a sede oficial na 57 Avenida de Nova Iorke e que no seu equipo de Dirección conta con antigos executivos da desaparecida Goldman Sachs como saben un dos emporios financeiros, xunto a Lechman Brothers,  provocadores da actual crise financeira mundial.

Por que hai que vender NCG BANCO agora e non BANKIA?
Un Banco declarado sistémico é un Banco que non debe desaparecer por motivo ningún e que hai que protexer.
A declaración de “BANCO SISTEMICO” é competencia  do Consello de Estabilidade Financeira (FSB- Financial Stability Board) con sede en Basilea (SUIZA). Dentro do Estado soamente BBVA e Banco de Santander están incluidos nesa clasificación a nivel mundial. Intereses político-financeiros están declarando extraoficialmente a BANKIA como Banco Sistémico.
O Ministerio de Economía e Competitividade, o Banco de España e o FROB, poden sumar, se queren, a NCG BANCO como Banco sistémico. Galicia non pode quedar sen un Banco que conta cunha cota de mercado de cerca dun 50%.

Por todo o exposto proponse ao Pleno a adopción do seguinte acordo :
Dirixirse por escrito ao Sr. Presidente da Xunta de Galicia nos seguintes termos:

1.       Solicitar facilite aos representantes no Parlamento Galego o caderno de vendas que fixa o valor de NCG BANCO no momento actual e que concreta os créditos fiscais da operación.
2.       Solicitar ao FROB a PARALIZACION DA VENDA DE NCG BANCO mentras non se devolva o 100% do diñeiro expropiado aos aforradores que contrataron Participacións Preferentes e Obrigas subordinadas.
3.       Solicitar que o FROB manteña o horizonte de 2017 requerido por Bruxelas para o saneamento total do Banco.
4.       Iniciar o estudo da conversión de NCG BANCO nun BANCO PÚBLICO GALEGO como única alternativa para que o financiamento chegue a particulares, empresas ou Concellos e para que se recupere a Obra Social tanto en investimentos referidos á economía produtiva como ao apoio á cultura, sanidade ou ensino.
5.       Ordenar unha Auditoría de todo o proceso de Arbitraxe, con presencia de representantes das forzas políticas representadas no Parlamento Galego.

Sem comentários:

Enviar um comentário