EN
DEFENSA DOS TRABALLADORES AUTÓNOMOS
Nun
país coma o noso onde a súa espiña dorsal económica está formada
por pequenas e medianas empresas, a maioría delas constituídas por
traballadores autónomos, que ven como na actual situación de crise
en lugar de facilidades ou axudas para que as súas empresas poidan
evolucionar e adaptarse ás dificultades que día a día atopan nun
entorno administrativo, lexislativo, económico, etc, tan cambiante,
ven como os gobernos central e autonómico só lle ofrecen promesas
que de pouco lles serven.
“Neste
momento, os gobernos teñen que axudar aos emprendedores. Non os imos
deixar sós porque son o motor que conduce de novo o país á
prosperidade". Así fala o Presidente da Xunta, o Sr.
Núñez Feijóo, mais os feitos desacreditan unha vez aos
gobernantes do PP. O goberno do Sr. Rajoy vén de subir ás agachadas
no pasado Nadal, a emprendedores e autónomos, os impostos e as
cotizacións destes traballadores. Subas, que para o caso dos
autónomos societarios ou administradores que tiveran contratados dez
ou mais traballadores por conta allea en 2013 será do 22%, unha
medida que vai influír negativamente na contratación e mesmo vai
provocar, nalgúns casos, despedimentos, pois resulta complicado de
máis manter o nivel de emprego cando xa se está vivindo ao límite
Pero
as subas tamén se produciron na base mínima de cotización dos
autónomos, que é a que pagan o 90% dos 215.000 profesionais deste
tipo que hai en Galicia, nun incremento dun 2%. Pasaron de 858,60€
a 875,70 € en 2014. Máis de cinco euros por mes, uns 62€ máis
ao ano. Pero por se isto non fose pouco, o Decreto Lei inclúe tamén
como elementos cotizables algúns que non estaban na base de
cotización, como os seguros médicos, plans de pensións,
complementos de transporte ou axudas de comida, etc. volvendo a
incrementar os custos para o colectivo dos autónomos. Prometeran
dende o goberno a baixada das retencións no IRPF ao19% pero, a día
de hoxe as retencións seguen no 21%.
Os
módulos non varían respecto ao 2013, así como a redución do 5%
sobre o rendemento neto de módulos acordada o ano pasado. Máis
promesas, máis incumprimentos. A maiores tamén supón a fin dos
aprazamentos de pago xa que Facenda non seguirá permitindo o
aprazamento nos pagos do modelo 111 de retencións de traballadores e
profesionais.
Aínda
que o principal problema deste colectivo pasa pola falta de liquidez.
As medidas adoptadas ao longo do 2013 como a redefinición das Pemes
por parte do Banco de España, as apostas do BEI e do ICO, a nova Lei
de Emprendedores, ou novo Criterio de Caixa, non conseguiron
reverter a situación, sendo unha realidade a día de hoxe, que as
Pemes do Estado Español seguen soportando o crédito máis caro de
toda Europa.
Todo
isto acontece cando a actividade está en marcha pero, cando por
desgraza se ten que botar o peche os problemas non rematan para os
traballadores autónomos. Os datos din que sete de cada dez autónomos
que solicitan a prestación por desemprego debido a seu cese de
actividade teñen dificultades para conseguilo. Segundo un informe
presentado por ATA( asociación de traballadores autónomos), o 74,7%
dos casos nos que se denegaron as prestacións, foi por non estaren
ao corrente das cotas á Seguridade Social, outro 13% por non ter
cuberto o período mínimo de cotización e o 2,3% por non acreditar
correctamente o cese de actividade, causas que en moitos casos
poderían ser resoltas se contaran con coñecementos para facer
fronte a dura burocracia que os rodea, e que na práctica os condena
a ser traballadores de segunda división.
Outra
fronte aberta é a morosidade das administracións públicas e os
prazos de pago aos autónomos que volveron a aumentar nos últimos
meses. As administracións públicas deben aos autónomos 4.839
millóns de euros, e o prazo medio de pago sitúase en 151 días,
segundo o Informe da Federación de Autónomos ATA. Prazos que
demostran que desde as administracións públicas estase a incumprir
sistematicamente a lei de morosidade que establece un período de 30
días para o pago de facturas aos provedores. No caso de Galiza, o
período de atraso é inferior a cen días, concretamente 51, pero
cómpre facer fincapé en que no noso País a demora débese
principalmente ás deputacións e aos concellos, o que implica que os
prexudicados son os veciños que teñen máis preto.
Outro
dos proxectos estrela do Goberno Central foi a Lei de Emprendedores,
e nela inclúese a creación da figura do autónomo de
responsabilidade limitada. Con esta figura buscábase salvagardar
dalgún xeito o patrimonio do autónomo en caso de fracaso
empresarial, establecendo na lei que os autónomos non responderían
das débedas derivadas da súa actividade empresarial coa súa
vivenda habitual ata un límite de 300.000 euros pero, non contaron
que a diferenza do que ocorre cós traballadores por conta allea, no
que o salario mínimo é inembargable, no caso dos autónomos non
sucede así, pois ademais de non contar con estes límite de
inembargabilidade legal, a Administración adoita recorrer ao embargo
de créditos e obrigar aos clientes dos autónomos a pagarlle antes a
ela que ao propio autónomo, comprometendo os seus ingresos futuros
e a viabilidade da empresa.
E
por se isto non fose suficiente, o Ministerio de Fomento ven de
elaborar un proxecto de modificación da actual regulación sobre as
autorizacións de transporte de mercadorías, na que fala de axudar
ao sector mentres introduce trabas como a que aparece sobre a
transmisibilidade das autorizacións de transporte, onde especifica
que o que pretenda acceder ao sector adquirindo a autorización de
transporte dun transportista que abandone a actividade, deberá
posuír polo menos tres vehículos, de tal maneira que se o
transportista que lle transmite a súa autorización só tiña un
vehículo, o adquirente que pretenda acceder ao sector deberá mercar
outros dous vehículos que non superen os cinco meses de antigüidade.
Por
todo o exposto solicitamos o apoio aos seguintes acordos:
1º.–
Que se cumpran dende as administracións públicas (neste caso o
Concello) os prazos de pagamento ás Pemes, concretamente aos
autónomos, cumprindo a lei de morosidade.
2º.–
Potenciar a formación para os traballadores autónomos dende o
Concello co obxecto de posibilitar a súa adaptación ás novas
necesidades do mercado e coñecer todas as ferramentas ao seu alcance
para desenvolver a súa actividade con axilidade e eficacia, incluso
para cando cesen na súa actividade, acceso ás axudas que lles
poderían corresponder, etc.
3º.–
Instar aos gobernos central e autonómico para que leven a cabo a
rebaixa fiscal prometida que precisa este colectivo para que poida
enfrontarse ás dificultades que lles impón a crise e as desvantaxes
patentes que sofren fronte ás grandes empresas e multinacionais.
4º–
Instar ás administracións do Estado e da Xunta para dispoñan as
medidas lexislativas, económicas e de información oportunas, que
faciliten o finanzamento a través de todos as canles das que
dispoñen, incluído acceso á fondos europeos, para que os
emprendedores poidan acceder ao mesmo.
5º.–
Crear as condicións necesarias, conxuntamente con outras
administracións locais ou supramunicipais, para a creación de
viveiros de empresas, etc, que lle permitan aos emprendedores
aprobeitar ao máximo os recursos dispoñíbeis, minimizando os
custes que lles suporía a posta en marcha dos seus proxectos.
Sem comentários:
Enviar um comentário