INDULTO
PARA OS TRABALLADORES CARLOS E SERAFÍN
CONDENADOS
A 3 ANOS DE CÁRCERE POR PARTICIPAR NUN PIQUETE NA FOLGA DO
TRANSPORTE DE 2008
EXPOSICIÓN
DE MOTIVOS:
Conforme
se agravan as políticas de recortes e agresión contra os dereitos
das clases populares, asistimos tamén á reiterada criminalización
da resposta social, singularmente da de carácter sindical. É tamén
crecente a represión contra quen, no exercicio de dereitos
fundamentais, se revolve para esixir pacífica e democraticamente un
cambio de rumbo, para demandar a mellora das condicións de vida e de
traballo para a maioría social ou para denunciar os abusos e
inxustizas que a clase traballadora padecemos, e que a vixente crise
está a recrudecer.
No
ano 2008, durante a negociación do Convenio Provincial de Transporte
de Mercadorías da provincia de Pontevedra, os sindicatos CIG, CCOO e
UGT convocaron unha folga para reivindicar a mellora das súas
condicións laborais. Durante a mesma algúns compañeiros foron
identificados pola policía mentres actuaban como piquetes
informativos e posteriormente denunciados. Cómpre lembrar que os
piquetes son un instrumento lexítimo, que forma parte da historia do
movemento obreiro e que en moitos casos permite liberar, coa forza da
unión solidaria das nosa clase, aos traballadores e traballadoras
das coaccións e ameazas coas que a patronal pretende impedir que
exerzan o seu dereito á folga.
Froito
desa denuncia realizáronse varios xuízos cuxo resultado foi
absolvelos de calquera dano a todos os efectos (ademais ningún
traballador nin empresa presentou cargos nin culpou a estes
compañeiros). Porén, un xulgado de Vigo considerou que Serafín
Rodríguez Martínez (CIG) e Carlos Rivas Martínez (UGT) eran
culpables dun delito contra os dereitos dos traballadores (art. 315.3
do Código Penal) e condenounos á pena máxima posible por ese
delito: 3 anos de prisión.
Unha
sentenza que parece desproporcionada e abusiva e que só pretende
escarmentar, un aviso a navegantes, para debilitar a capacidade de
resposta dos traballadores na súa loita pola mellora das condicións
laborais. Mentres os verdadeiros delincuentes gozan da maior das
impunidades e de todas as medidas de graza das altas esferas do
poder, dous sindicalistas poden acabar en prisión.
Esta
sentenza foi recorrida e ratificada na Audiencia Provincial no 2011
e, finalmente, solicitouse o indulto para ambos compañeiros. O
Goberno español, en decembro pasado, denegou o indulto; o mesmo
goberno que non ten reparos en concederllo a corruptos e banqueiros,
o que obriga a estes traballadores e aos sindicatos CIG e UGT a
solicitar un recurso de casación e un último intento de concesión
dun indulto. Carlos e Serafín poderían recibir en calquera momento
a orde de ingreso en prisión.
Por
todo o anteriormente exposto solicitamos do Pleno da Corporación
Municipal de Gondomar a aprobación do seguinte
ACORDO:
A
Corporación Municipal de Gondomar solicita do Goberno español que
conceda o indulto aos traballadores Carlos Rivas e Serafín
Rodriguez.
Sem comentários:
Enviar um comentário