segunda-feira, 17 de fevereiro de 2014
RECUPERACIÓN
DOS PLANOS EXTRAVIADOS DO ANTIGO CATASTRO.
O cambiante
mundo urbanístico de Gondomar, ou mellor dito, a ausencia prolongada
de ferramentas válidas e xuridicamente seguras no que atinxe á
ordenación territorial do noso Concello (PXOM), e sumando a esta
circunstancia unha deficiente realización dos últimos traballos
catastrais no noso municipio, e dado á necesidade que moit@s veci@s
teñen de contar con planos catastrais fiables que lle sirvan tanto
para localizar correctamente as súas propiedades coas
características mínimas de superficies e morfoloxía das mesmas,
como para saber da súa correcta clasificación, resulta que a día
de hoxe o documento máis fiable e que máis se achega á realidade
do parcelario de Gondomar, son os planos elaborados pola Dirección
General del Instituto Geográfico y Catastral, o MAPA NACIONAL
TOPOGRÁFICO PARCELARIO, realizado entre os anos corenta e
principios dos sesenta.
Pois ben,
este importante documento de innegable valor histórico, elevado á
categoría de ferramenta imprescindible en Gondomar pola súa
utilidade actual, e unha de cuxas copias orixinais está nos
arquivos do Concello de Gondomar, supoñemos que por extravío
fáltanlle varias follas que ata onde puidemos averiguar
corresponden aos polígonos número: 6,7,8,9,10,11,34,35,46 e 47, co
conseguinte prexuízo para aquelas persoas que precisan consultar
este documento e para a propia Administración Local. Mesmo que aínda
só fose polo valor histórico do mesmo, entendemos que debe
procurarse completar a devandita documentación. Por todo isto propón
ao Pleno a aprobación do seguinte:
A
Corporación Municipal de Gondomar insta ao Sr. Alcalde, ao
Concelleiro de Urbanismo e ao proprio Goberno Municipal, a solicitar
de quen proceda: Xerencia Territorial do Catastro, antiga Xefatura
Provincial de Catastro Topográfico Parcelario, Dirección General
del Instituo Geográfico y Catastral, etc, copia dos planos antes
mencionados que faltan do Arquivo Municipal.
APLICACIÓN
DE DIRECTIVA EUROPEA SOBRE HIPOTECAS E DACIÓN EN PAGO.
EXPOSICIÓN
DE MOTIVOS
1.- O Parlamento Europeo e a Comisión Europea veñen de dar
recentemente a súa aprobación final á Directiva
da Unión Europea sobre contratos de crédito para bens inmobles de
uso residencial.
A devandita directiva aplicaráse aos contratos de crédito
garantidos por unha hipoteca ou por outra garantía comparable
utilizada nun Estado membro, así como aos contratos cuxa finalidade
sexa adquirir ou conservar dereitos de propiedade sobre terreos ou
edificios. As novas regras adaptaránse aos distintos mercados
hipotecarios dos Estados membros, aínda que a información ao
consumidor terá que presentarse nun formato homoxéneo en toda a UE.
Entre as medidas que se acordaron están as relativas a :
- un período obrigatorio de reflexión de sete días antes de asinar un contrato hipotecario, ou ben do mesmo período de sete días para retractarse trala sinatura, segundo o decida cada país.
- demoras en relación cos desafiuzamentos coa esixencia de facilitar a dación en pago e evitando o sobre-endebedamento a longo prazo.
- flexibilidade na amortización da débeda
- medidas relativas aos préstamos irresponsables, de prohibición de condicionamentos dos préstamos e de garantías na taxación dos inmobles.
A UE da un prazo de dous anos para que os estados membros traspoñan a directiva á súa lexislación.
2.- A Directiva non supón, nin moito menos, unha solución
definitiva á problemática existente dos desfiuzamentos nin ás
desiguais condicións dun mercado hipotecario favorecedor das
entidades financieiras e en manifesto prexuizo da cidadanía.
En calquera caso, sí supón un avance potencialmente significativo
respecto da normativa vixente española, en especial respecto da
dación en pago, dos procesos de desfiuzamento e das condicións e
garantías dos préstamos hipotecarios. Avance que debe consolidarse
e materializarse con ocasión da transposición efectiva da
Directiva, modificando e, no seu caso, derrogando a normativa
actualmente vixente na materia. É por todo isto que propoñemos para
a súa aprobación o SEGUINTE:
O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar insta ao Goberno da
Xunta de Galicia e ao proprio Goberno do Estado a:
1.- Á inmediata transposición da Directiva europea sobre
contratos de crédito para bens inmobles de uso residencial.
2.- En aplicación e desenvolvemento da mencionada Directiva, á
modificación da lexislación hipotecaria e de regulación do mercado
hipotecario, de enxuizamento civil, de subrogación e modificación
de préstamos hipotecarios, coa finalidade de ampliar os supostos de
dación en pago e de maiores garantías e defensa nos procesos de
desafiuzamento, de limitación aos custos hipotecarios e, en xeral,
de implantación de medidas efectivas de protección e defensa da
cidadanía consumidora de ditos contrato de crédito.
3.- Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galicia e á Mesa
do Parlamento Galego; así como ao Goberno do Estado e a Mesa do
Congreso dos Deputados.
MEDIDAS
SOBRE INFORMACIÓN E TRAMITACIÓN DE RECLAMACIÓNS SOBRE O IBI.
O
pasado 21 de outubro de 2013, nun pleno extraordinario desta
corporación municipal e por unanimidade, aprobábase o seguinte.
1º.-
O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar acorda solicitar da
Dirección Xeral do Catastro a revisión catastral do Concello de
Gondomar co obxecto de adaptalo á realidade urbanística actual
derivada da anulación do PXOM no ano 2005 por sentenza firme do
T.S..
2º.-
Facultar ao Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Gondomar para
realizar as xestións oportunas a respeito do punto anterior.
3º.-
Comunica o presente acordo á Sub-Xerencia Territorial do Catastro en
Vigo e ao ORAL, organismo autónomo dependente da Deputación
Provincial encargado do cobro do IBI.
Sabemos
que as devanditas xestións encomendadas ao Sr. Alcalde non foron
realizadas precisamente con dilixencia, e se a maiores como tamén
resulta evidente a tramitación do novo PXOM vai para largo, hai
fundadas sospeitas de que a veciñanza siga tendo que pagar a
contribución inxustamente durante moitos anos.
Pois
ben, con semellantes antecedentes e para ser coherentes co aprobado
por esta Corporación Municipal o pasado 21 de outubro, cómpre que
por parte do Goberno Municipal se tomen medidas ao respecto para
corrixir esta situación, polo que propoñemos ao Pleno a aprobación
do seguinte:
O
Goberno Municipal porá á disposición da veciñanza que así o
solicite, e no departamento municipal que considere máis axeitado,
toda a información necesaria para que cada veciñ@ poida facer as
xestións oportunas a respecto das súas propiedades e da
clasificación urbanística das mesmas: certificacións, planos de
situación, etc, que precisen co obxecto de reclamar perante a
Xerencia do Catastro para que proceda a modificar a situación
catastral das mesmas adaptada á actual realidade urbanística de
Gondomar. Todo isto na maior brevidade posible de tempo a un custe
mínimo por tratarse dunha reclamación xusta así recoñecida por
Corporacion Municipal.
EN
DEFENSA DOS TRABALLADORES AUTÓNOMOS
Nun
país coma o noso onde a súa espiña dorsal económica está formada
por pequenas e medianas empresas, a maioría delas constituídas por
traballadores autónomos, que ven como na actual situación de crise
en lugar de facilidades ou axudas para que as súas empresas poidan
evolucionar e adaptarse ás dificultades que día a día atopan nun
entorno administrativo, lexislativo, económico, etc, tan cambiante,
ven como os gobernos central e autonómico só lle ofrecen promesas
que de pouco lles serven.
“Neste
momento, os gobernos teñen que axudar aos emprendedores. Non os imos
deixar sós porque son o motor que conduce de novo o país á
prosperidade". Así fala o Presidente da Xunta, o Sr.
Núñez Feijóo, mais os feitos desacreditan unha vez aos
gobernantes do PP. O goberno do Sr. Rajoy vén de subir ás agachadas
no pasado Nadal, a emprendedores e autónomos, os impostos e as
cotizacións destes traballadores. Subas, que para o caso dos
autónomos societarios ou administradores que tiveran contratados dez
ou mais traballadores por conta allea en 2013 será do 22%, unha
medida que vai influír negativamente na contratación e mesmo vai
provocar, nalgúns casos, despedimentos, pois resulta complicado de
máis manter o nivel de emprego cando xa se está vivindo ao límite
Pero
as subas tamén se produciron na base mínima de cotización dos
autónomos, que é a que pagan o 90% dos 215.000 profesionais deste
tipo que hai en Galicia, nun incremento dun 2%. Pasaron de 858,60€
a 875,70 € en 2014. Máis de cinco euros por mes, uns 62€ máis
ao ano. Pero por se isto non fose pouco, o Decreto Lei inclúe tamén
como elementos cotizables algúns que non estaban na base de
cotización, como os seguros médicos, plans de pensións,
complementos de transporte ou axudas de comida, etc. volvendo a
incrementar os custos para o colectivo dos autónomos. Prometeran
dende o goberno a baixada das retencións no IRPF ao19% pero, a día
de hoxe as retencións seguen no 21%.
Os
módulos non varían respecto ao 2013, así como a redución do 5%
sobre o rendemento neto de módulos acordada o ano pasado. Máis
promesas, máis incumprimentos. A maiores tamén supón a fin dos
aprazamentos de pago xa que Facenda non seguirá permitindo o
aprazamento nos pagos do modelo 111 de retencións de traballadores e
profesionais.
Aínda
que o principal problema deste colectivo pasa pola falta de liquidez.
As medidas adoptadas ao longo do 2013 como a redefinición das Pemes
por parte do Banco de España, as apostas do BEI e do ICO, a nova Lei
de Emprendedores, ou novo Criterio de Caixa, non conseguiron
reverter a situación, sendo unha realidade a día de hoxe, que as
Pemes do Estado Español seguen soportando o crédito máis caro de
toda Europa.
Todo
isto acontece cando a actividade está en marcha pero, cando por
desgraza se ten que botar o peche os problemas non rematan para os
traballadores autónomos. Os datos din que sete de cada dez autónomos
que solicitan a prestación por desemprego debido a seu cese de
actividade teñen dificultades para conseguilo. Segundo un informe
presentado por ATA( asociación de traballadores autónomos), o 74,7%
dos casos nos que se denegaron as prestacións, foi por non estaren
ao corrente das cotas á Seguridade Social, outro 13% por non ter
cuberto o período mínimo de cotización e o 2,3% por non acreditar
correctamente o cese de actividade, causas que en moitos casos
poderían ser resoltas se contaran con coñecementos para facer
fronte a dura burocracia que os rodea, e que na práctica os condena
a ser traballadores de segunda división.
Outra
fronte aberta é a morosidade das administracións públicas e os
prazos de pago aos autónomos que volveron a aumentar nos últimos
meses. As administracións públicas deben aos autónomos 4.839
millóns de euros, e o prazo medio de pago sitúase en 151 días,
segundo o Informe da Federación de Autónomos ATA. Prazos que
demostran que desde as administracións públicas estase a incumprir
sistematicamente a lei de morosidade que establece un período de 30
días para o pago de facturas aos provedores. No caso de Galiza, o
período de atraso é inferior a cen días, concretamente 51, pero
cómpre facer fincapé en que no noso País a demora débese
principalmente ás deputacións e aos concellos, o que implica que os
prexudicados son os veciños que teñen máis preto.
Outro
dos proxectos estrela do Goberno Central foi a Lei de Emprendedores,
e nela inclúese a creación da figura do autónomo de
responsabilidade limitada. Con esta figura buscábase salvagardar
dalgún xeito o patrimonio do autónomo en caso de fracaso
empresarial, establecendo na lei que os autónomos non responderían
das débedas derivadas da súa actividade empresarial coa súa
vivenda habitual ata un límite de 300.000 euros pero, non contaron
que a diferenza do que ocorre cós traballadores por conta allea, no
que o salario mínimo é inembargable, no caso dos autónomos non
sucede así, pois ademais de non contar con estes límite de
inembargabilidade legal, a Administración adoita recorrer ao embargo
de créditos e obrigar aos clientes dos autónomos a pagarlle antes a
ela que ao propio autónomo, comprometendo os seus ingresos futuros
e a viabilidade da empresa.
E
por se isto non fose suficiente, o Ministerio de Fomento ven de
elaborar un proxecto de modificación da actual regulación sobre as
autorizacións de transporte de mercadorías, na que fala de axudar
ao sector mentres introduce trabas como a que aparece sobre a
transmisibilidade das autorizacións de transporte, onde especifica
que o que pretenda acceder ao sector adquirindo a autorización de
transporte dun transportista que abandone a actividade, deberá
posuír polo menos tres vehículos, de tal maneira que se o
transportista que lle transmite a súa autorización só tiña un
vehículo, o adquirente que pretenda acceder ao sector deberá mercar
outros dous vehículos que non superen os cinco meses de antigüidade.
Por
todo o exposto solicitamos o apoio aos seguintes acordos:
1º.–
Que se cumpran dende as administracións públicas (neste caso o
Concello) os prazos de pagamento ás Pemes, concretamente aos
autónomos, cumprindo a lei de morosidade.
2º.–
Potenciar a formación para os traballadores autónomos dende o
Concello co obxecto de posibilitar a súa adaptación ás novas
necesidades do mercado e coñecer todas as ferramentas ao seu alcance
para desenvolver a súa actividade con axilidade e eficacia, incluso
para cando cesen na súa actividade, acceso ás axudas que lles
poderían corresponder, etc.
3º.–
Instar aos gobernos central e autonómico para que leven a cabo a
rebaixa fiscal prometida que precisa este colectivo para que poida
enfrontarse ás dificultades que lles impón a crise e as desvantaxes
patentes que sofren fronte ás grandes empresas e multinacionais.
4º–
Instar ás administracións do Estado e da Xunta para dispoñan as
medidas lexislativas, económicas e de información oportunas, que
faciliten o finanzamento a través de todos as canles das que
dispoñen, incluído acceso á fondos europeos, para que os
emprendedores poidan acceder ao mesmo.
5º.–
Crear as condicións necesarias, conxuntamente con outras
administracións locais ou supramunicipais, para a creación de
viveiros de empresas, etc, que lle permitan aos emprendedores
aprobeitar ao máximo os recursos dispoñíbeis, minimizando os
custes que lles suporía a posta en marcha dos seus proxectos.
INDULTO
PARA OS TRABALLADORES CARLOS E SERAFÍN
CONDENADOS
A 3 ANOS DE CÁRCERE POR PARTICIPAR NUN PIQUETE NA FOLGA DO
TRANSPORTE DE 2008
EXPOSICIÓN
DE MOTIVOS:
Conforme
se agravan as políticas de recortes e agresión contra os dereitos
das clases populares, asistimos tamén á reiterada criminalización
da resposta social, singularmente da de carácter sindical. É tamén
crecente a represión contra quen, no exercicio de dereitos
fundamentais, se revolve para esixir pacífica e democraticamente un
cambio de rumbo, para demandar a mellora das condicións de vida e de
traballo para a maioría social ou para denunciar os abusos e
inxustizas que a clase traballadora padecemos, e que a vixente crise
está a recrudecer.
No
ano 2008, durante a negociación do Convenio Provincial de Transporte
de Mercadorías da provincia de Pontevedra, os sindicatos CIG, CCOO e
UGT convocaron unha folga para reivindicar a mellora das súas
condicións laborais. Durante a mesma algúns compañeiros foron
identificados pola policía mentres actuaban como piquetes
informativos e posteriormente denunciados. Cómpre lembrar que os
piquetes son un instrumento lexítimo, que forma parte da historia do
movemento obreiro e que en moitos casos permite liberar, coa forza da
unión solidaria das nosa clase, aos traballadores e traballadoras
das coaccións e ameazas coas que a patronal pretende impedir que
exerzan o seu dereito á folga.
Froito
desa denuncia realizáronse varios xuízos cuxo resultado foi
absolvelos de calquera dano a todos os efectos (ademais ningún
traballador nin empresa presentou cargos nin culpou a estes
compañeiros). Porén, un xulgado de Vigo considerou que Serafín
Rodríguez Martínez (CIG) e Carlos Rivas Martínez (UGT) eran
culpables dun delito contra os dereitos dos traballadores (art. 315.3
do Código Penal) e condenounos á pena máxima posible por ese
delito: 3 anos de prisión.
Unha
sentenza que parece desproporcionada e abusiva e que só pretende
escarmentar, un aviso a navegantes, para debilitar a capacidade de
resposta dos traballadores na súa loita pola mellora das condicións
laborais. Mentres os verdadeiros delincuentes gozan da maior das
impunidades e de todas as medidas de graza das altas esferas do
poder, dous sindicalistas poden acabar en prisión.
Esta
sentenza foi recorrida e ratificada na Audiencia Provincial no 2011
e, finalmente, solicitouse o indulto para ambos compañeiros. O
Goberno español, en decembro pasado, denegou o indulto; o mesmo
goberno que non ten reparos en concederllo a corruptos e banqueiros,
o que obriga a estes traballadores e aos sindicatos CIG e UGT a
solicitar un recurso de casación e un último intento de concesión
dun indulto. Carlos e Serafín poderían recibir en calquera momento
a orde de ingreso en prisión.
Por
todo o anteriormente exposto solicitamos do Pleno da Corporación
Municipal de Gondomar a aprobación do seguinte
ACORDO:
A
Corporación Municipal de Gondomar solicita do Goberno español que
conceda o indulto aos traballadores Carlos Rivas e Serafín
Rodriguez.
Subscrever:
Mensagens (Atom)