sábado, 14 de setembro de 2013

Anova proponlles ás forzas nacionalistas e de esquerdas unha fronte ampla para a ruptura democrática nas eleccións europeas

A Coordinadora Nacional de Anova, reunida en Teo o 14 de setembro de 2013, acorda pular por unha fórmula de fronte ampla non excluínte para as eleccións europeas.
As vindeiras eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais Anova debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou, polo menos, nun ensaio xeral da creba democrática.
Por iso, Anova acorda:
1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.
2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.
 Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, fixo a proposta de frente ampla para as eleccións europeas, unha alianza de todas as forzas rupturistas a nivel do Estado con dous eixos: o dereito de autodeterminación das nacións e a creba do réxime da segunda restauración borbónica.
Cómpren novas alternativas políticas, unha nova ferramenta dos e das nacionalistas galegas para intervir e incidir no proceso de fin de réxime cara a un novo ciclo político propiciado polo activismo da cidadanía. Isto é algo polo que en ANOVA andamos a traballar. Hai un ano fixemos unha proposta para este tipo de Fronte Ampla non excluínte, que para ese momento e instancia específica foi AGE.
A crise económica derivada da crise financeira e agravada pola xestión que daquela está a facer a plutocracia e os seus monecos; a crise da UE secuestrada por institucións "tecnocráticas"; a posibilidade da fin da segunda restauración borbónica pola crise do réxime nacido da transición, e os efectos que todo iso ten nas institucións autonómicas cada volta máis inservíbeis para a cidadanía galega, reclaman que traballemos combinadamente en todos eses ámbitos.
A aposta do nacionalismo, da esquerda e de calquera demócrata ten que ser por unha creba democrática coa segunda restauración borbónica, nun proceso protagonizado pola cidadanía e trasladado á instancia política polas forzas rupturistas que realmente conecten con esa cidadanía.
Na nación galega, un proceso constituínte impulsado polos cidadáns e cidadás galegas, pobo soberano, e trasladado á instancia política polo nacionalismo e por aquelas forzas que, sen seren nacionalistas, respecten o noso dereito á autodeterminación e o practiquen.
No noso país, para a conformación do suxeito político plural, ANOVA propón de novo a unidade de acción do nacionalismo e da esquerda baixo a fórmula da fronte ampla non excluínte co obxectivo de rematar coa segunda restauración e abrir paso a un proceso constituínte galego no que a soberanía nacional se exerza polo pobo, soberanía popular.
No estado. Hai que conxugar nese escenario un proceso aberto para as catro nacións (Galiza, Euskalerria, os Paisos Cataláns e España en sentido estricto).
Precisamos alianzas coas forzas cívicas e sociais, hai que conectar coa cidadanía e propiciar unha alianza coas forzas políticas rupturistas, para provocar un proceso constituínte (catro en puridade) que pasaría por unhas eleccións non ordinarias senón por unhas de fin de réxime.
A coincidencia das crises do réxime, da autonomía galega e económica abre a posibilidade dunha grande fronte ampla non excluínte pola ruptura democrática, conformada a partir  de suxeitos cívico-políticos plurais nas nacións que forman o Estado español, coa única condición de que a fin do réxime político dea paso a procesos constituíntes soberanos en cada unha delas.
As próximas eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais ANOVA debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou ao menos nun ensaio xeral dunha eleccións para a ruptura democrática.

Sem comentários:

Enviar um comentário