terça-feira, 5 de fevereiro de 2013

Proxecto de Construcción de Muro de Contención no Parque das Cercas

(Antigo colexio público Enrique Rodríguez Márquez)

No BOP do 18/12/2012 saía un anuncio do Concello de Gondomar, Exp. DH.W36.40633, referido á solicitude de autorización a Augas de Galicia para construir un muro de contención no Campo das Cercas. O devandito muro tería unhas características de 135 metros de longo e 1,83 m. de alto e sería de formigón armado. Asemade estaría a unha distancia do Río Miñor de 26 metros e o obxecto de mesmo sería facer de barreira contra as enchentes para evitar o asolagamento dos edificos do antigo colexio público “Enrique Rodríguez Márquez”. 

Cómpre indicar que a devandita obra sería construida con cargo a fondos da Deputación Provincial de Pontevedra correspondentes ao Plan de Investimentos do ano 2012, cun importe total de 119.375,71 €.
Pois ben, como queira que a solución proposta non é tal, pois no mellor dos casos libraríanse da auga os edificios do colexio vello a conta de asolagar o Parque da Coelleira, as propiedades da outra beira do río e con toda seguridade a zona do matadoiro e da Praza de Abastos, o Centro Neural e o Campo de Fútbol. Por non falar da “piscina natural” que se formaría no espazo pechado polo muro de contención, tal como se forma na actualidade, só coa chuvia, sen muro de contención e sen sair o río. A maiores do impacto visual negativo nunha zona aberta e de lecer que está á vista de todo mundo. Nos últimos anos o parque das Cercas converteuse nunha sorte de lugar de experimentación, onde os diferentes gobernos municipais foron deixando a súa pegada, uns máis cá outros, e algúns de maneira irreversible. E por iso que dende o grupo nacionalista municipal, e para evitar danos maiores e que se actua na devandita zona con coherenca de agora en diante, imos proponer no vindeiro pleno ordinario da Corporación Municipal do 7 de febreiro o seguinte: 

1ª.- A Corporación Municipal de Gondomar insta ao Goberno Municipal a retirar o devandito proxecto para a construcción dun muro de contención no Parque das Cercas. 

2ª.- Propoñer un concurso público de ideas co obxecto de tratar de maneira conxunta todo o espazo público existente na zona das Cercas, incluso contemplando a posibilidade da desaparición do colexio vello e que as actuacións a realizar se poidan facer por fases e sempre gardando a idea de conxunto. 


Sem comentários:

Enviar um comentário