segunda-feira, 14 de janeiro de 2013

PREFERENTES: A Solución está no tellado do Goberno do PP

Recentemente os medios de comunicación informaron da reunión que mantiveron os alcaldes do PP de Pontevedra co Presidente Provincial do partido Rafael Louzán para tratar da problemática das preferentes nos respectivos concellos.

Pois ben, desa xuntanza o único que transcendeu á opinión pública foi que os alcaldes teñen intención de poñerse ao frente das mobilizacións que os afectados decidan levar adiante. Que cara dura!!! A estas alturas do conflicto e despois dos múltiples pronunciamentos de diferentes institucións e incluso de organismos europeos ao respecto, xa ninguén dubida de que a solución a esta estafa masiva é política, e que polo tanto pasa por unha decisión do Goberno do Estado, do Banco de España e, obviamente pola implicación real do Goberno da Xunta de Galicia e do Sr. Feijoo.

Que agora os alcades do PP queiran aparacer coma os defensores e os salvadores das persoas estafadas pola venda fraudulenta de preferentes, subordinadas, etc, cando eles forman parte do entramado de poder dun partido que protexe sen pudor á banca e aos banqueiros, cando menos resulta unha burla e un sarcasmo intolerable. Se realmente queren apoiar a estas persoas enganadas, moitas delas votantes do PP, que abandonen en masa a militancia do PP e que retiren os cartos dos seus concellos das entidades estafadoras. Quizais con medidas deste tipo o aparato do PP: o Sr. Louzán, o Sr. Feijoo e o Sr. Rajoy se puxeran a resolver definitivamente este grave problema.

Como nós dubidamos da vontade política do PP para resolver este asunto de xeito favorábel ás persoas estafadas, e como sospeitamos que unha vez máis estamos diante dun inmenso paripé, no Pleno da Corporación Municipal de Gondomar do vindeiro 15 de xaneiro, ímoslle pedir explicacións do tratado e acordado nesa xuntanza ao Sr. Alcalde: que falaron, que acordos tomaron e que medidas van tomar para presionar no Goberno e que resolva o problema definitivamente.

Sem comentários:

Enviar um comentário