segunda-feira, 20 de maio de 2013

Fosa Sética no Centro da Vila

QUE O ALCALDE, O GOBERNO MUNICIPAL E AUGAS DE GALICIA EXPLIQUEN O DA “FOSA SEPTICA” NO CENTRO DA VILA DE GONDOMAR.

As obras relacionadas coa rede de saneamento de Gondomar que Augas de Galicia está levando a cabo, prácticamente no centro da Vila, por un importe de 3,5 millóns de euros, son o resultado da mala execución dun proxecto de saneamento, deficitario, e feitas polo mesmo organismo nos anos 97-98, e que xa naquela altura algúns denunciaramos. Agora este remendo vai custarlle ás arcas públicas case a metade do que se investiu naquela primeira fase, incluida a construcción da depuradora.

A preocupación dos veciños dos bloques de vivendas situados a menos de 40 metros da grande “fosa séptica”, queixanse con razón da falla de explicacións do Goberno Municipal e de Augas de Galicia, e por se isto non fose abondo, o alcalde de Gondomar todo o que lle ten que dicir a estas persoas preocupadas é “que non hai que preocuparse”. Os veciños e veciñas dos edificios lindantes fanse preguntas tan básicas como: vai haber filtracións nos seus garaxes?, vai producir ruidos o sistema de bombeo?, vai cheirar mal? , que vai pasar cando veñan as riadas?, e cando limpen o depósito ou as bombas se avaríen?, era ese o lugar máis axeitado para a súa ubicación?...

Dende o grupo de concelleir@s nacionalistas de ANOVA na Corporación Municipal, a maiores destas preguntas que se fai a veciñanza, tamén queremos saber quen se vai facer cargo do mantemento deste depósito, do sistema bombeo e do consumo eléctrico que sen dúbida será elevado. Asemade, emprazamos públicamente ao Alcalde, Goberno Municipal do PP e a Augas de Galiza a dar todo tipo de explicacións sobre as obras deste macro pozo negro no centro da Vila, comezando polos veciñ@s afectados, explicación que vai ter que dar no vindeiro pleno ordinario.

Con data 16/05/2013, foi presentada polo noso grupo no Rexistro Municipal a petición de acceso ao expediente destas obras, pois a súa tramitación ofrécenos dúbidas razoables a respecto de cómo foi levada. A maiores, queremos saber cal foi a opinión do Concello sobre esta obra ou, que din os informes dos técnicos municipais sobre a súa ubicación, etc.

Por último, se as repostas do Goberno Municipal non son claras e rápidas, levaremos o asunto ao Parlamento Galego (a través do Grupo Parlamentar de AGE) para que sexa a propia a Xunta de Galicia e Augas de Galicia quen dean as explicacións oportunas.

Sem comentários:

Enviar um comentário